CESE DA XUNTA DIRECTIVA
Na tarde de hoxe tivo lugar a Asemblea Xeral Ordinaria desta ANPA, na que a Xunta Directiva informou da súa decisión de cesar dos seus cargos. Reproducimos o texto lido ós socios presentes explicando os motivos que nos levaron a tomar esta determinación.
Atoparémonos alí onde se defenda o ensino público e de calidade!
O presente curso 2015-2016 iniciouse condicionado, polo que á
actividade da ANPA se refire, por dúas circunstancias que poderiamos
definir como extraordinarias e que xeraron unha serie de conflitos
nos que nos vimos implicados a comunidade educativa en xeral e a
Administración da Xunta de Galicia. Falamos, por unha banda, da
problemática xurdida pola implantación do Fondo Solidario de
préstamo de libros da Xunta e, por outra, do recorte de profesorado
no CEIP Recimil.
No tocante á primeira cuestión, esta ANPA mantivo a postura
acordada en Asemblea pola Federación de ANPAS de Ferrolterra, e
refrendada en asemblea desta asociación, de non colaborar nesta
iniciativa, e así se tentou transmitir a todos os implicados,
incluida a dirección do centro. Mais a pesares disto, produciuse o
reparto sen autorización dunha serie de libros pertencentes ó banco
que anteriormente xestionaba esta asociación, e que a dirección
xustificou cun suposto mal entendido, coa consecuente reclamación de
devolución e o compresible malestar das familias afectadas. Parece
ser que se nos acusou de non querer prestar eses libros, cando non
existe ningún interese pola nosa parte en retelos, máis aló do
acordo mencionado anteriormente e de que a xestión do Fondo
Solidario é unha competencia da administración.
En segundo lugar atopámonos coa circunstancia, xa coñecida por
todos, da non cobertura de dúas prazas de mestra que afectaban ó
ciclo de educación infantil. Como resumo do acontecido ó respecto,
recordamos que esta situación provocou a xuntanza dos nenos de 4
anos nunha soa aula, unha medida que foi revocada tralas primeiras
protestas por parte dos pais, pero que significou a xuntanza
posterior dos nenos de 3 anos. A partires de aquí xurdiron unha
serie de contactos cos pais afectados e coa dirección do centro, que
deron paso a diferentes actos de protesta e mobilizacións que
finalizaron cunha entrevista co Xefe Territorial de Educación. En
todo este tempo reivindicamos a necesidade de cobertura destas prazas
en atención ás especiais circunstancias do noso colexio, tanto pola
súa contorna socioeconómica como polas características do seu
alumnado, que non mudaron dende o curso pasado, polo que consideramos
estes recortes inxustificados. Como é sabido, ata o de agora non se
obtiveron os resultados desexados polos pais.
Chegados a este punto, consideramos necesario explicar a postura
mantida pola dirección do CEIP Recimil, dende o noso coñecemento,
en relación a este asunto, por entender que é fundamental para unha
mellor comprensión dos feitos acontecidos neste último mes e as
súas consecuencias.
Nun primeiro momento a dirección non considerou necesario comunicar
ás familias directamente afectadas a situación na que quedaban os
grupos de infantil tras os recortes. Ante as reclamacións por esta
actitude manifestou ter actuado de xeito adecuado, dando traslado ós
órganos do colexio, afirmando que o faría igual se fora necesario e
que a comunicación a través das mestras e da ANPA era suficiente.
Mais o contacto coas mestras fíxose a nivel particular, sen chegar a
todas as familias, e a ANPA a esas alturas do curso non ten
capacidade de comunicarse coas mesmas. Porén, si convocou de
urxencia as familias dos nenos de 3 anos para o día anterior ó
inicio das clases.
Manifestou ás familias que actuaría polas súas canles para a
reclamación da cobertura das vacantes, pero o certo é que
posteriormente admitiu non ter feito ningunha xestión unha vez
iniciadas as clases. Pola contra, a mensaxe a nivel particular era de
normalidade de funcionamento do centro e de non necesitar máis
profesorado.
Non apoiou de forma expresa ós pais nas súas mobilizacións e a
partires dun certo momento tentou disuadilos para que estas cesaran.
Finalmente, na última reunión que tivemos coa dirección, despois
da entrevista co Xefe Territorial de educación, solicitouse a fin
das mobilizacións e acusouse ás familias de estar a danar ó
colexio proxectando unha mala imaxe do mesmo; de que pola nosa
actuación habería familias que non matricularían ós seus fillos
no Recimil e de que lle estabamos a dar argumentos á administración
para facer máis recortes.
Promoveu a prohibición do reparto de circulares informativas sobre
os recortes e as medidas adoptadas polas familias polos medios do
centro, tal e como se fai con calquera outra información. Lembramos
que isto mesmo aconteceu o curso pasado en relación á revalida de
3º de primaria.
En definitiva, non nos sentimos apoiados pola dirección nas nosas
reivindicacións e non aceptamos que se nos acuse de prexudicar ó
colexio co noso intento de defender os dereitos dos nosos fillos. Non
aceptamos que se tente condicionar a nosa actuación: a ANPA é unha
asociación independente e autónoma e que se debe ós pais, que
foron os que decidiron libremente iniciar as mobilizacións. Non
entendemos o seguidismo que se fai dende a dirección do colexio ás
políticas de recortes da administración, nin a postura supostamente
unánime do claustro de profesores, que considera que o colexio non
necesita máis profesorado, contradicindo o expresado no proxecto
educativo do centro.
Por todos estes motivos, a relación entre a dirección do CEIP
Recimil e a directiva da ANPA atópase nunha situación de deterioro
tal, que nos convence da imposibilidade de traballar de forma
conxunta nun futuro inmediato sen traizoar ós nosos principios de
defensa dunha escola pública de calidade, polo que os membros desta
Xunta Directiva tomamos a decisión de renunciar ós nosos cargos
e iniciar o procedemento para a elección dunha nova Xunta
Directiva.
Continuaremos a loitar pola defensa do ensino público dentro das
nosas posibilidades, naqueles foros nos que poidamos ser útiles e
amosámonos dispostos a colaborar con todos os que consideren que
podemos aportar algo a esta causa.
Cremos que é necesaria unha reflexión por parte de todos os
integrantes da comunidade educativa, familias, mestres e dirección
do centro, ó respecto do papel que estamos a xogar cada un neste
conflito e da responsabilidade de cada quen na aceptación ou non
dunhas medidas que inciden no deterioro da educación que están a
recibir os alumnos do CEIP Recimil.
En Ferrol, a 22 de outubro de 2015
Lorena Dapena Merlán, Inés López Pita, Elena Rivas Amieiro, Francisco Rodríguez Pereira.