luns, 27 de marzo de 2017

MODELO DE COLE- SAN XOÁN DE FILGUEIRA - (PARABÉNS)

 
Un cole cun sitio para cada neno

O CEIP San Xoán de Filgueira, en Ferrol, cre que educar aos adultos do século XXI require respecto, aceptación das diferenzas e normas claras

 La Voz de Galicia
ferrol / a voz
 
   Non hai mal que por ben non veña. Iso deben de pensar os pais da zona de Ferrol onde se asenta o colexio público San Xoán de Filgueira. E é que este centro se converteu nunha referencia para media cidade, e un exemplo para toda Galicia despois de afrontar un problema que foi común hai uns anos e que supuña inicialmente un hándicap: a chegada masiva de alumnos de familias inmigrantes.

   Cando a un colexio chegan estudantes doutros países, integralos esixe un esforzo extra, pero si son moitos á vez se corre o risco de converterse nun gueto. O claustro do San Xoán levaba tempo dándolle voltas á formación complementaria do alumnado, porque «damos por suposto que os nenos son empáticos e respectuosos, e nós, os profesores, non vemos a necesidade de facer algo sistematizado sobre iso nos colexios, pero non é así». A reflexión é de Marián López, directora do centro e verdadeira líder do grupo, no que hai unha agradable camaradería. A inquietude do profesorado sumouse á chegada masiva de nenos de familias inmigrantes e iso serviu para darlle a volta a todo: «Desde entón nos reinventamos cada ano». ¿E que fixeron? Moitas cousas ata chegar ao momento actual: as matemáticas apréndense polo sistema ABN, as clases desdóbranse ou duplican os profesores, hai agrupamiento flexible (non por idade), os pais acoden como axudantes á aula, non teñen libros de texto e os nenos son protagonistas e responsables de moitos labores dentro do colexio.
 
 
  Unha das medidas que máis orgullo xera no colexio é a axuda dos pais. Como queren que a atención aos nenos sexa a máis personalizada posible, intentan que sempre haxa dous profesores na clase. Dá igual que sexa o titor, o especialista de apoio ou un familiar. Todos os días algúns proxenitores paséanse pola aula. En cuarto de primaria, os alumnos están encantados coa participación dos seus pais e nais: «Gústame que veña o meu, pero tamén os dos demais», din Antón, un dos alumnos. ¿Que fan os pais e nais, ensinar? «¡Nooo! ¡Ensinámoslles nós!», responden varios estudantes. E é que eles non están para iso, senón que acompañan, animan e vixían que nos grupos se traballe. Non hai dúbida de que o fan. Nesa clase de cuarto cada neno realizou nunha hora varios tipos de exercicios: sumas, restas, multiplicacións e divisións con decimais; escribiron varios problemas; e sumaron e restaron fraccións.
Matemáticas por ABN

  A forma coa que aprenden as matemáticas, método do algoritmo baseado en números (ou ABN), é completamente diferente ao sistema mecánico, o habitual, e esixe unha formación do profesorado. Ana, a mestra de 4.º B, está preparada para ensinar a estes alumnos, os máis avanzados do colexio no sistema ABN. Detecta unha enorme diferenza entre eles e os cursos doutros anos, porque os nenos comprenden perfectamente que son os números e como se descompoñen, e ademais, o que para o San Xoán é máis importante, cada un faino ao seu ritmo, pero todos chegan ao final, á resolución dos problemas.
   Moi preto da aula de cuarto, os alumnos de primeiro están con Sandra, a súa titora, coa que están preparando un proxecto sobre animais. Hai silencio na clase, que non é moi normal. Neste caso, é que todos miran fixamente un vídeo de baleas na pantalla dixital. Aos de primeiro encántalles a clase de ciencias, aínda que algún recoñece que a lingua tamén lle tira, ou as matemáticas. ¡Ah!, e a música.

  Na aula dos pequenos hai un par de estudantes «maiores». Son nenos dos cursos finais de primaria que teñen o currículo adaptado e que se integran sen problema entre os de 6 anos. «Eliminamos o conflito -explica López- porque nesta clase se senten aceptados, axudan aos demais, son importantes e seguen dando a materia que lles corresponde polo seu currículo». Realmente, os dous alumnos maiores parecen perfectamente integrados co resto, que se revoluciona ante a chegada dunha «periódica» ou «xornalística», unha profesión pouco coñecida na aula, á que preguntan si fai cortinas no seu traballo.
   E si os pequenos gozan dos seus proxectos, os de quinto e sexto enfróntanse ás materias tamén sen libros de papel, pero dentro do programa E-Dixgal da Xunta, é dicir, con computadores e libros virtuais. Aos alumnos gústalles: «É máis fácil e máis cómodo», apuntan dous estudantes, mentres un terceiro vai directamente ao práctico: «E non tes que vir cargado». Serafín, o profesor, recoñece que os computadores son unha ferramenta que achega as materias aos nenos, e é que «só hai tres ou catro sen móbil» a pesar da idade, aínda que non os poden traer ao colexio. El combina fichas e material en papel co traballo de computador, igual que moitas cousas se fan en grupo e outras de forma individual. O sistema colectivo gusta máis: «É mellor e máis rápido», di un alumno. ¿E ninguén se aproveita do resto? «Non, porque hai un encargado de que todo o mundo traballe, e todos facemos de encargados algunha vez».

   As claves do centro

  Cinco euros ao mes para merendar e 50 ao ano no canto de libros e material. Na zona do Filgueira hai moitos tipos de familias e por iso o claustro tomou unha decisión uniformadora: as merendas non van ser libres, senón iguais e saudables, e non haberá libros de texto. Para a comida de media mañá cada familia pon 5 euros ao mes, e para os libros e material, 50 a principios de curso. Con iso se apañan. Ademais de aforrar e evitar comparacións, os nenos adóitanse compartir as cousas, respectar o común e comer de todo. ¿O que máis gusta? As fresas con iogur e o bocadillo de atún con tomate.

   Os venres ás doce hai apadriñamento lector.
 Cada alumno de 4.º, 5.º e 6.º ten un afillado lector en 1.º, 2.º ou 3.º. Todos os venres dedican un tempo (de 12 a 12.20) para ler un conto xuntos. É unha actividade sinxela pero de moitísimo éxito. Tanto que se estendeu a infantil, onde os de 5 anos, que xa van sabendo as letras, son os encargados de lerlles a historia aos pequenos.

«Todos os días saudamos aos nenos coa lingua de signos». 
Hai uns anos, ao colexio chegou un neno con xordeira. Para que se sentise un máis, o claustro decidiu aprender linguaxe de signos e, como viron que xeraba interese, ensinan a todos os nenos a falar así. Fano dun xeito fácil e bonita: cada día, antes de empezar, un profesor ou uns alumnos preparan un pequeno texto de benvida, falan de que día é e o tempo que fai. «Cada día imos aumentando o vocabulario», di a directora, quen recorda que ao principio algún neno se ría e burlaba, pero «solucionámolo facendo que eses nenos fosen os encargados de dar os bos días. Agora non hai burlas».

Un espazo para falar no canto de pelexarse.
 Na entrada do colexio hai dúas butacas e unha mesa no que é o recuncho para dialogar. Alí van os alumnos a liquidar as súas diferenzas, normalmente enviados por un profesor. Din que pasou e a que se comprometen. O normal son pelexas e berros e do compromiso non hai dúbida: non volver facelo. É unha aprendizaxe social que atalla futuros casos de bullying .

- La Voz de Galicia .-
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario